Imprimir

Xunta vai gastar outros 3,5 millóns para equipos informáticos

Agencias - 16/06/2010 - 14:54 h.

O orzamento posto pola xunta ascende a 3.488.790,24 €
A Xunta de Galicia segue coa súa liña de gasto en equipos informáticos en plena crise.

O Goberno galego vén de anunciar outra contratación por procedemento aberto do arrendamento con opción a compra de cinco lotes de monitores e ordenadores portátiles e de sobremesa. Desta vez, o orzamento con IVA ascende a 3.488.790,24 euros.

A entidade adxudicadora é a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e neste concurso o Executivo de Alberto Núñez Feijóo pretende arrendar case 5.000 monitores e ordenadores novos, unha importante cifra que se suma ás múltiples contratacións millonarias de equipos informáticos por parte da Xunta das que vén informando Xornal nos últimos meses.

En concreto, o primeiro dos cinco lotes que adquirirá a Xunta consta de 2.642 ordenadores de sobremesa dun tipo específico, no que gastarán 1,9 millóns de euros, e no segundo lote reclaman 919 ordenadores de mesa máis con outras características para o que licitan un total de 700.753 euros. Un terceiro lote está destinado a arrendar 1.090 monitores TFT, que terán un custo total de case 199.000 euros.

No referente a portátiles, a Xunta licita parte deste concurso para adquirir, sempre a trevés do arrendamento e non da compra, 60 destes ordenadores divididos en dous lotes máis segundo as súas características. Os ordenadores portátiles suporanlle á Xunta un desembolso de case 188.000 euros máis.

O prazo de execución dos contratos de arrendamento será de tres anos contados desde a entrega dos equipos, e o prazo de entrega para a empresa adxudicataria será de quince días naturais contados a partir da data de formalización do contrato.

Os requisitos específicos que se lle esixen ás empresas que se presenten ao concurso é que teñan “solvencia económica e financeira e solvencia técnica e profesional”. O prazo límite para a presentación das ofertas é ata o próximo día 1 de xullo.

Fuente: xornal


© OpenHost Media Press S.L. - Progreso, 64 4A - 32003, Ourense (Spain)
OpenHost Media Press S.L.