Anxo Quintana está de volta. Despois dos seus problemas de saúde, o ex voceiro do BNG afronta unha nova etapa na súa vida, se cadra con máis folgos ca nunca. A partir do próximo día 17 o ex portavoz nacional do BNG compaxinará a vicesecretaría da Mesa do Parlamento coa presidencia do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos, un laboratorio de ideas co que quere “dar solucións aos problemas actuais dende unha perspectiva en clave galega”. Anxo Quintana ergueuse de novo. É o que lle pide a sociedade galega.
Que tal está?
Mellor, moito mellor.
Deuse conta de que o 1-M foi o final dunha prometedora xeración de políticos? Vostede, Touriño, Ricardo Varela, Ánxela Bugallo...
Nin son consciente diso nin o percibo así. Perdemos unhas eleccións e cada un segue na súa actividade, privada ou pública, dependendo das súas circunstancias. Eu sigo no BNG e na política activa.
Non foi un pau enorme?
Non, o pau máis grande estao levando Galicia, soportando a crise e cun Goberno que non é capaz de facerlle fronte. Foi un resultado que hai que acatar democraticamente. Nada máis.
“Eu son Anxo Quintana” callou en internet, pero sentou moi mal no BNG.
Non teño constancia diso. Creo que fixemos unha boa campaña pero que estivo moi opacada porque ademais de contra o PP tivemos que loitar contra todo un aparello mediático dese partido que nos levou a facer unha campaña á defensiva. Pero iso forma parte tamén do xogo democrático e hai que entendelo con normalidade.
Sentiuse moi só durante a campaña? Moita xente viuno coa maletiña dun lado para o outro...
Eu sempre me sentín arroupado polo BNG. E teño que dicir que moita xente que non é do BNG manifestou en moitos casos a súa adhesión ao decatarse de que realizáramos un labor moi positivo para Galiza e de que estabamos pelexando contra inimigos moito máis poderesos ca nós.
Tamén hai xente no BNG que o quere ben que pensa que vostede se afastou un pouco da realidade.
Un nunca acaba de aprender nin de empaparse todo o que debera do país e da xente. Non sei se o conseguín, pero si podo dicir que para min ese foi o esforzo continuo e un desexo manifesto.
No mitin de Riazor dixéronlle “Yes we Quin”. Que sentiu ese día?
Toda a campaña foi moi emotiva porque máis que un debate leal de ideas houbo en moitos casos un intento de acoso e derruba contra o BNG e contra min persoalmente porque era o que o representaba naquel momento. Moitas veces os mitins máis que unha exposición de ideas acabaron converténdose en actos de adhesión e de petición de xustiza.
Antón Reixa dixo que lle parecía estar diante de Castelao.
Reixa é un bo amigo que seguramente se deixa levar polos seus sentimentos. O que teño é a constancia e a conciencia tranquila por intentar representar o proxecto político e o programa do BNG o mellor que puiden.
Non foi demasiado precipitado o haraquiri seu e o de Touriño? O bipartito conseguiu 5.000 votos máis có PP...
Non podo falar por Touriño, pero no meu caso, insisto, non me fixen ningún haraquiri nin me retirei absolutamente de nada. Os cargos políticos sempre son temporais. Eu considerei que despois do resultado electoral remataba unha etapa na que crin que eu non debía seguir protagonizando a vida do BNG en primeira liña, pero máis aló de ser portavoz ou vicepresidente hai moitísimos espazos e moitísimos lugares onde representar o BNG e onde contribuír a Galiza. Eu, desde logo, vouno a seguir facendo. Síntome plenamente en activo.
Nun mitin dixo: “Dígolle, señor Feijóo, que eu nunca lle farei o mesmo que vostede lle está facendo á miña familia”. Denunciou a Baltar...
Ese é un asunto que quero deixar no plano estritamente privado. Non lle quero dar ningún percorrido político, aínda que me parece normal que se interprete que si o ten. Creo que nesta vida, e a política forma parte da vida, hai determinados límites que non se poden exceder e o único que espero é que a xustiza se encargue de pór as cousas no seu sitio.
A vida é puñetera. Ten que sentar na Mesa do Parlamento á beira do fillo de Baltar.
Eu sento no lugar que elixiu a Cámara e intentarei facer o meu labor o mellor que poida. Non me afecta en absoluto quen ocupen as demais cadeiras.
Algúns interpretaron o seu posto na Mesa do Parlamento como unha forma de non querer apearse do coche oficial. Pasado un tempo e coas forzas recuperadas, cre que foi un erro?
Resulta curioso que os servizos que ten cada deputado ou cada cargo público só se poñan en cuestión cando ese cargo o ocupa un nacionalista. Eu, desde logo, non estou disposto a contribuír a ese xogo. Na miña traxectoria política xa fixen absolutamente de todo. Poucas persoas pode haber en calquera dos partidos de Galiza que teña pegado máis papeis, feito máis mitins nas aldeas e andado a pé ou no meu coche máis quilómetros ca min. Cando un ocupa determinados cargos dotados de servizos, utilízao porque considera que forma parte do traballo que ten que realizar. Xa é curioso que só resulten estraños cando ese cargo o ocupa un nacionalista.
Logo chega a Asemblea e non presenta a súa candidatura á portavocía nacional. Quere dicir que rexeita volver nun futuro?
Non, non está nas miñas pretensións nin nas miñas perspectivas. Non me presentei outra vez a portavoz nacional porque considerei que remataba unha etapa, que era necesario que o BNG comezase outra e o fixese con novos referentes. Agora hai un novo portavoz elixido democraticamente, é o meu portavoz, ten todo o meu apoio e consideración e no seu día o BNG elixirá o seu candidato ou candidata á presidencia da Xunta e o que saia elixido democraticamente contará co meu apoio.
Quintana non se vai presentar?
Non, xa non me presentei nin está dentro das miñas perspectivas a día de hoxe ocupar eses postos.
Parécelle ocorrente como rebautizou Beiras a Máis BNG: Quinigá?
A verdade é que non sabía que a autoría fose de Beiras, pero a ocorrencia é propia.
Se non foi Beiras, a idea saíu do Encontro Irmandiño. Move Quintana os fíos do Quinigá ou deixa que esa xente que se identifica con vostede voe soa?
Por sorte quen promoveron esa alternativa na Asemblea buscaron un nome moito máis apropiado.Eu síntome moi próximo ao que defenden pero esa corrente de opinión dentro do BNG ten un nome propio que é Máis BNG, ten os seus principios e ten tamén os seus dirixentes que, por certo, estano facendo moi ben.
Non lle deixaron falar na Asemblea. Foi unha gran decepción?
As intervencións na Asemblea decidíronse democraticamente nun Consello Nacional e polo tanto eu teño que acatar a decisión como así foi. Quizá no momento a min parecíame, non por pretensión persoal, senón por tradición histórica, facer un saúdo. Pero se o Consello Nacional considerou outra cousa, non hai máis nada que dicir e creo que a Asemblea discorreu, a pesares das controversias, por canles de diálogo e entendemento que din moito de quen a organizaron.
Vostede desatendeu o consello dos médicos e acudiu á Asemblea. Recibiu un caloroso aplauso e ata se emocionou. Foi o último aplauso?
A verdade é que eran uns días moi difíciles para min. O seu recordo, desde logo, non me trae ningún tipo de satisfacción, pero eu pensei que tiña que estar presente, aínda que fose só un momento, na Asemblea Nacional da miña organización. Considerábao un deber e así o fixen. E agradezo as mostras de agarimo colectivas e individuais que ese día recibín.
Agora reaparece coa presidencia do IGEA. Como anda de forzas?
Ben, mellorando razoablemente, con moitísimas ganas e coa ilusión de contribuír ao servizo de Galiza e ao servizo do BNG. Desde logo o Instituto é un proxecto apartidario no que vou investir gran parte das miñas enerxías porque creo que é unha boa contribución que neste momento haxa xente disposta a participar nun laboratorio de ideas que pense a Galiza do século XXI. Quizá falamos demasiado da Galiza do século XIX e debemos dedicar un pouco máis de tempo a falar da do século XXI. E, por outra banda, eu formo parte do Consello Nacional do BNG e formo parte da Mesa do Parlamento. Traballarei desde eses dous ámbitos coa mesma ilusión de sempre para contribuír ao fortalecemento do BNG.
Poden pensar que buscou un retiro...
Eu espero que a actividade do Instituto demostre o contrario, que lonxe dun retiro se trata dunha factoría de ideas, unha auténtica fábrica de proxectos e sobre todo un espazo de liberdade para opinar en clave de país. Creo que lle fai falta a Galiza. Esperamos ser unha contribución positiva.
Segundo o CIS, o 23,8% dos galegos confésase nacionalista, pero só o votou un 16%. Cre que unha corrente máis aberta como Máis BNG ten futuro á beira da UPG para conquistar o electorado nacionalista e aos non nacionalistas?
Xa dixen que eu me sinto moi próximo ao que está defendendo Máis BNG, pero tamén estou convencido de que o que haxa que facer no nacionalismo haberá que facelo entre todos. Ninguén pode cometer o erro de arrogarse a propiedade de fórmulas máxicas porque non existen. O BNG celebrou o seu Asemblea Nacional, elixiu a súa dirección, á que hai que darlle tempo e deixala traballar. En calquera caso, penso que o BNG faría mal, e non creo que o estea facendo agora, se nalgún momento abandonase a tradición do nacionalismo contemporaáneo, que é interclasista e cunha vocación como a manifestada nos últimos catro anos de Goberno: vocación hexemónica para dirixirse ao conxunto da sociedade galega.
Sorprendeulle que se presentase á portavocía nacional Guillerme Vázquez, un home que parecía que estaba de retirada en Pontevedra?
Non, coñezo ao compañeiro Guillerme desde hai moito tempo. É unha persoa tremendamente traballadora. Houbo compañeiros que consideraron que a súa candidatura sería boa e contribuíu ao BNG participando. É o portavoz elixido democraticamente pola Asemblea e, polo tanto, é o meu portavoz.
Cre que se resolveu ben a sucesión?
Polo menos resolveuse con normalidade. Xa é un valor en si mesmo. Agora estamos nun proceso de cambio, non só no BNG. No país cambiaron moitas cousas, polo tanto é lóxico que o BNG estea pensando o seu futuro. E ese non é un labor só dunha parte senón de todo o conxunto e eu farei a miña humilde achega para que se acerte.
É Pachi Vázquez o líder que necesitan os socialistas galegos?
A min xa me chega con intentar que ao BNG lle vaia ben como para pensar que é mellor para os outros. Oxalá que acerten, pero son os militantes do PSOE os que teñen que decidir. Eu si que teño a convicción de que a alternativa en Galicia é unha cousa de dous. Ou hai alternativa a dous BNG-PSOE ou PSOE-BNG, ou non hai alternativa. Isto é algo que tanto BNG como PSOE deben interiorizar para a súa praxe individual porque xa non chega con realizar programas e executalos cando nunha institución non hai maioría absoluta e nos vemos obrigados a traballar en coalición. É necesario tamén trasladar aos galegos,mesmo antes das eleccións, estratexias comúns aínda que cada un manteña a súa personalidade e a súa proposta programática, como non podía ser doutro xeito, e como ademais é reflexo da pluralidade do país. É algo necesario e oxalá que a actual dirección do PSOE así o entenda.
Despois do 1-M parecía que os bipartitos municipais se ían fracturar. Pasou xa esa tentación?
O que houbo despois do resultado electoral foi o intento por parte do PP non só de conformarse coa vitoria senón de destruír o adversario, algo que na vida eu non entendo nin son capaz de aceptar. Dentro dese labor de destrución estaba tamén o intento de acabar cos bipartitos municipais. E nalgún casos conseguírono, pero francamente, a un prezo demasiado alto. Quitar da alcaldía a un alcalde que, o fixese ben ou mal, era froito da vontade democrática dos cidadáns para pór a un grupo de Goberno cuxo único referente é estar todos de acordo co proceso de corrupción urbanística que se deu en Gondomar é xogar demasiado forte. É ir máis aló do que calquera puidera imaxinar. Sorprende un Goberno que anda facendo a titiritada, pintando o ridículo ao subhastar uns coches que eles mesmos compraron para falar de austeridade e limpeza e ao mesmo tempo apoia a toma de Goberno en Gondomar por parte de xente cuxa única finalidade é darlle continuidade á corrupción urbanística. Chama a atención que a aristocracia mediática deste país non faga esa comparación. A min polo menos chámame a atención.
Feijóo chega á Xunta e, coma se estivese en campaña, continúa levantando alfombras. Co paso do tempo, foi un erro que o bipartito non explicase aos galegos, por lealdade institucional, o que pasaba na Xunta de Fraga?
Creo que na vida, polo tanto tamén na política, os principios son importantes. En política intento actuar de acordo aos meus principios. Que nós non fixésemos a política de levantar alfombras e que agora o Goberno de Feijóo o faga, o único que demostra non é que eles sexan máis listos ca nós, senón que demostra unicamente que en política non todos somos iguais. Eu estou contento, a pesar do que se está facendo agora, de que nós non o fixeramos porque cando nós gañamos as eleccións a xente tiña a ilusión de ver traballar a un Goberno de cambio. Estaba farta da era Fraga. E nós fariamos moi mal se no canto de ofrecer o cambio nos dedicásemos a falar do Goberno anterior. Este Goberno, se fai o que fai e se todos os días ten que inventar unha mentira sobre o anterior Goberno, é porque non ten proxecto para o país nin nada que ofrecerlle. E ese xogo aguanta unhas semanas ou uns meses, pero non serve para xustificar unha lexislatura. Antes ou despois terán que presentarse diante dos galegos e dicirlle o que fixeron. Non vale que lle digan, mentíndolle, o que non fixo o Goberno anterior.
Está de acordo con Pachi Vázquez en que os galegos quixeron darlle un lapote ao bipartito e se lles fois a man? Preto dos cen días de Goberno de Feijóo, cre que hoxe gañaría as eleccións?
Facer de pitoniso nisto das eleccións é pouco rendible e esta é unha das ensinanzas das últimas autonómicas. O que penso é que cometemos erros propios e que houbo acertos do adversario, aínda que eses acertos non sexan especialmente confesables. Creo que non soubemos valorar na súa xusta medida o cambio de apreciación que nos cidadáns supuxo a crise económica e non soubemos valorar na súa xusta medida a capacidade do PP para facer un uso demagóxico desa situación con fins electorais. E creo que non fomos capaces durante toda a lexislatura de decatarnos de que unha cousa é ter o Goberno e outra ter o poder. O poder teno aquel que é capaz de impor a súa interpretación da realidade. Neste país, ata cando gobernou o bipartito, tívoo sempre o PP e quizá por iso gañou as eleccións.
Ve no BNG algún Anxo Quintana, algún líder que poida conducir a forza frontista e achegala á sociedade?
O BNG ten, non un, senón varios valores políticos ben formados, honestos, honrados, galegos de pro e con gran amor ao país que poderán no seu momento representar o BNG en calquera instancia. Estou plenamente convencido.
Nunca se preguntou: “Por que non me metería nunha forza política menos complicada”?
A verdade é que non. Eu axudei a constituír o BNG e estou moi orgulloso. Eu son nacionalista, creo que as solucións para o país teñen que partir de solucións pensadas, deseñadas e executadas en Galicia e para Galicia. E tamén creo que non é necesario que para que o nacionalismo se abra camiño, a maioría dos cidadáns galegos sexan nacionalistas. O nacionalismo non debe aspirar a iso, senón a que a maioría dos cidadás as considere as mellores para eles, sexan ou non nacionalistas. Ese é o gran reto do nacionalismo.
Ao nacionalismo seríalle máis fácil de ser o BNG un partido e non unha fronte?
É un debate superado. O BNG ten que proceder a mellorar a súa estrutura organizativa, creo de feito que xa o está facendo, para adaptarse mellor á realidade actual do país e dos seus militantes. Non creo que invocar fórmulas partidarias ou frontistas coma se fosen o Santo Grial sexa a solución.
Que pensa da política de Alberto Núñez Feijóo respecto a lingua galega?
Preocúpame máis como galego que como nacionalista. Como nacionalista considéroa unha política tremendamente equivocada, pero tamén me dá a posibilidade de confrontar ideolóxica e partidariamente o que fai Feijóo. Como galego síntome tremendamente traizoado polo meu presidente. Se o problema de Galiza é o galego, para que queremos Xunta de Galiza e presidente da Xunta? Resulta dificilmente superable un exercicio de traizón a un mesmo, non ao BNG nin a Galiza, como o que pode protagonizar un presidente que tira pedras contra o seu propio tellado. Porque se hai presidente da Xunta, entre outras cousas, é porque hai galego.
Corenta mil persoas protestaron xa en Santiago a favor do galego. Será este 25 de xullo a manifestación máis numerosa do BNG, independientemente da afiliación política?
Estou convencido de que o 25 de xullo vai haber unha mobilización masiva porque existen ganas na sociedade de dar contestación desde a base a unha situación económica e social moi grave para o conxunto das clases traballadoras e para a maioría social do país. Creo que nun día tan sinalado para Galiza como o Día da Patria existen moitos cidadáns que sen ser nacionalistas queren manifestar a súa adhesión ao galego, e o BNG vaille brindar a todos eses cidadáns a posibilidade de facer esa manifestación cívica e democrática.
Parece que vai haber barra libre para construír nos concellos... Teme que se dean moitos pasos atrás respecto do que fixo o bipartito?
Visto o que está a facer este Goberno, penso que BNG e PSOE farían moi mal, e estou seguro de que non o van a facer, se non fixesen unha defensa clara, rotunda e explícita do seu labor no Goberno os últimos catro anos. Cada medida de Feijóo pon en evidencia os acertos do bipartito. É lóxico que o PP, unha vez derrotado o bipartito, pretenda tamén destruír a alternativa e trasladar aos cidadáns a idea macabra de que un bipartito en Galiza non só non é necesario senón que é indesexable. Pero BNG e PSOE non lle deben pór as cousas fáciles a Feijóo. Todo o que está facendo el mesmo é o mellor argumento para valorizar o que fixo o bipartito.
Por primeira vez en cinco anos vostede non estará á fronte da manifestación o 25 de xullo... Agora todo o mundo mirará se está na manifestación, como se facía con Beiras.
Aínda son máis ás veces que asistín sen ser portavoz .Vou ir coa mesma ilusión que os anos anteriores pero con menos responsabilidades. Estarei onde o BNG considere. Alí onde me coloque parecerame oportuno. Serei un máis.