COMO FACER QUE AS COMIDAS E CEAS NATALICIAS AXUDEN A PROTEXER O PLANETA, ESPECIALMENTE OS OCÉANOS".
Queda menos dunha semana para o Nadal e a "oda ó consumismo" experimenta o seu punto álxido, polo que as organizacións ecoloxistas se puxeron mans á obra para concienciar os cidadáns na filosofía de que estas datas non están refidas co consumo responsable e os postulados verdes.
Onte, varios voluntarios de Greenpeace situáronse estratexicamente na Coruña e Pontevedra, preto dos centros comerciais, para darlles a coñecer ós cidadáns a "receita" para "un nadal sostible", informando de "como facer que as comidas e ceas natalicias axuden a protexer o planeta, especialmente os océanos".
Ademais, a organización ecoloxista repartiu felicitacións de Nadal para que os consumidores lles pidan ós supermercados, especialmente a El Corte Inglés, que "deixen de ser cómplices da destrución dos océanos e retiren das súas ofertas especies en perigo, algunhas delas moi consumidas nestas datas", tales como o bacallau, o peixe sapo e a pescada.
Este é o motivo polo que a organización escolleu as inmediacións deste centro comercial para levar a cabo a súa actuación, xa que, na súa opinión, "non deu mostra de mellora" na súa política de compra de produtos pesqueiros".
A maiores, a través de 10 recomendacións de "boas prácticas", Greenpeace ofreceu "as claves" para que as celebración natalicio "axuden a protexer o planeta, entre outras cousas, evitando o consumo de especies que destrúen os océanos". Igualmente, repartiuse unha proposta de "menú sostible".
O malgasto e o consumismo masivo é outra constante nestas datas e cada cidadán merca e contamina o dobre que o resto do ano. Se o modelo de consumo dos países do norte se exportase ó resto do mundo, serían precisos tres planetas coas súas materias primas e fontes enerxéticas para abastecernos.
Así, para coidar o que temos, Amigos da Terra ofrece o "Certificado de exención de agasallo", unha tarxeta que os cidadáns poden asinar e na que se comprometen a non recibir un agasallo material nestas datas. A cambio, enviaraselle esta tarxeta a amigos, familiares e coñecidos para que cambien o seu clásico agasallo material por algúns dos orixinais que aparecen no cartón: un paseo por unha paisaxe natural, unha boa cea, unha entrada para ver un espectáculo ou calquera outra suxestión.
Tamén Ecoloxistas en Acción propoñen imaxinación para pensar en presentes diferentes aforrando tempo nas colas nos centros comerciais. E falando de regalos, os xoguetes para os máis pequenos son os reis.
Segundo a Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes (AEFJ) nestas datas cómpranse o 75% dos produtos que se venden cada ano, pero os ecoloxistas propoñen buscar xoguetes de artesanía local, non mercalos embalados, asegurar que non sexan nin sexistas nin bélicos, que estimulen a creatividade dos pícaros e, a ser posible, que non usen pilas.
OS CONSELLOS
Antes de comprar un agasallo, reflexiona...
Aforro enerxético
Diminución dos residuos
Non mercar máis árbores
Os ecoloxistas aconsellan non mercar árbores de Nadal, porque as podas xunto coas condicións nas que se manteñen nas casas fan que case sempre resulte inviable a súa superviviencia máis aló destas festas.
Bolsas de plástico...¡nunca!
O maior inimigo seguen sendo as bolsas de plástico, que deben de evitarse levando de casa unha de tea ou un cesto. Cada ano, consumimos cada un de nós 238 bolsas, que tardan máis de cen anos en desaparecer.
Fuente: GaliciaHoxe
Si le interesó esta noticia, eche un vistazo a estas:
Escribe tu comentario
Para dejar un comentario pulsa en Ver formulario. Si usas Facebook puedes identificarte con tu cuenta o también puedes publicar un comentario directamente.