MOCIÓN DE CENSURA
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, desprazouse onte a Gondomar para ofrecer unha rolda de prensa co ex alcalde da vila, Antón Araúxo, na que fixeron balance dos acontecementos políticos dos últimos días tras a moción de censura do mércores que afastou da alcaldía aos nacionalistas. As principais críticas de ambos políticos dirixíronse á falta de programa político do novo goberno, formado por concelleiros recén saídos ou expulsados do PP e do PSOE respectivamente, así como por un independente. Tamén criticaron mesmo a inexistencia de reparto de competencias entre eles. “So hai unha área de goberno repartida, a de Urbanismo, que xa se sabía para quen ía ser, unha persoa vinculada ao ladrillo”, indicou Araúxo en referencia ao ex socialista Alfonso de Lis. Segundo argumentou Vázquez, a única causa que existe tras a moción de censura é que “nin PP nin PSOE podíanse permitir que se consolidase outra forma de goberno, máis participativa”.
Nesta liña, Vázquez tamén tivo palabras de crítica para o PSOE, a pesar de que este partido expulsou aos seus concelleiros tránsfugas. Así, o nacionalista censurou que “Feijóo e Pachi Vázquez culpabilízanse un ao outro, pero de quen non é a culpa é do BNG”, engadindo sobre o PSOE que “cada grupo actúa coa firmeza que considera necesaria” pero que “non parece que o PSOE teña moi controlados aos seus”.
Vázquez tamén se pronunciou sobre as diversas irregularidades en que incorreron varios dos concelleiros que conforman o novo goberno. “Temos un alcalde que ten un hotel ilegal, un concelleiro de urbanismo cunha nave ilegal e un ex alcalde do PP tamén ilegal; máis que goberno, en Gondomar temos un grupo musical, Los Ilegales”.
Nesa liña incidiu Araúxo ao decir que os integrantes dos grupos que forman o novo goberno “defínense como doce amigos, case como os doce homes sen piedade da película, pero son doce amigos sen programa”.
“O PP CRITICA AS COALICIÓNS”
Por último, Guillerme Vázquez tamén criticou que “o PP non se cansa de decir que os gobernos bipartitos e as coalicións son horrendas, o peor que hai, e logo nos atopamos co que fixeron en Gondomar, que gobernan tres partidos”. Por iso, e fronte á anunciada baixa do PP dos concelleiros implicados, o nacionalista indicou que “resulta chamativo o silencio de Feijóo, porque foi o propio PP, a través do seu presidente provincial, Rafael Louzán, o que nos anunciou esta moción de censura”.
E, sobre este último, os nacionalistas avanzaron que “o PP vai tentar mercar a dignidade do pobo de Gondomar con investimentos, e entón gustaranos ver se a Xunta e a Deputación veñen aquí a inugurar obras pero decindo que non goberna o PP”.
Si le interesó esta noticia, eche un vistazo a estas:
Escribe tu comentario
Para dejar un comentario pulsa en Ver formulario. Si usas Facebook puedes identificarte con tu cuenta o también puedes publicar un comentario directamente.